Wednesday 01 de May de 2024

O PSOE pide unha cobertura permanente de dous médicos no PAC de Ordes para evitar situacións de risco


 

Os socialistas recibiron varias queixas veciñais por falta de persoal médico na atención do PAC, que se unen ás carencias en atención pediátrica no centro de saúde ordense

Os socialistas de Ordes piden unha cobertura permanente de dous médicos no PAC de Ordes para así evitar situacións de risco. Na actualidade, o PAC de Ordes conta con dous médicos de 15:00 a 22:00 horas e cun só facultativo de 22:00 a 8:00 horas.

“O pasado mes de novembro, un paciente que fora operado un par de días antes no CHUS acudiu con moita dor ao PAC de Ordes e non puido ser atendido porque o facultativo estaba a atender un domicilio, polo que tivo que agardar ao seu regreso”, explica o voceiro municipal, Alejandro Manteiga. “Entendemos que a prestación sanitaria actual e Ordes é insuficiente. Por sorte esta incidencia non foi tan grave como a de hai uns meses no PAC da Estrada, no que un doente morreu mentres agardaba polo médico que estaba atendendo a domicilio”, advirte o voceiro socialista, quen lembra que “do tempo de chegada e actuación depende evitar un risco vital ou un dano irreparable na saúde de moitas persoas”.

Para o PSOE de Ordes, esta problemática únese “ás importantes carencias asistenciais do centro de saúde, especialmente en atención pediátrica onde seguen longas esperas e nunha zona de espera deficiente, onde teñen que compartir espazo con outros pacientes”.